As actas do seminario serán publicadas ao longo do 2018

Ao longo deste ano poñeranse a disposición, para a súa descarga, as actas do seminario “Novas narrativas na Historia da Arte Contemporánea”, que inclúen os textos das conferencias de Lourdes Méndez, Jesús Carrillo, Mieke Bal e Germán Labrador Méndez, ademais das comunicacións completas presentadas nas xornadas.

Advertisements

Ampliado o prazo de inscrición no Seminario

As solicitudes de inscrición no Seminario poderanse enviar ata o día 24 de novembro a través do correspondente formulario. Lembramos que as persoas que desexen un certificado de asistencia deberán abonar unha taxa de 20 € tal como se indica na información sobre a inscrición.

A inauguración dunha videoinstalación de Mieke Bal & Michelle Williams Gamaker porá o peche ao seminario

A videoinstalación “Madame B: Explorando o capitalismo emocional”, de Mieke Bal & Michelle Williams Gamaker, poderase ver no Espazo de Proxectos do CGAC ata o día 28 de xaneiro de 2018

Hygiene_Row_of_girls

Aproveitando a súa presenza no Seminario Novas Narrativas na Historia da Arte Contemporánea (24-25 de Novembro), o CGAC inaugurará o proxecto codirixido pola analista da arte e da cultura da Universidade de Amsterdam, Mieke Bal.

Inauguración: 25 novembro, 20.30 h.
Espazo de proxectos, CGAC
25 de novembro de 2017 – 28 de xaneiro de 2018

Perspectivas de xénero

Xabier Arakistain (feminista e comisario de arte independente); Patricia Mayayo (Departamento de Historia da Arte, Universidad Autónoma de Madrid); Helena Miguélez (Departamento de Linguas Modernas, Bangor University, Reino Unido). Modera: Anxela Caramés (investigadora e comisaria)

Viernes 24 de noviembre, 12:20 horas.


Xabier Arakistain incorporou a categoría sexo como criterio comisarial desde a súa primeira exposición, Trans Sexual Express (Bilbao Arte, 1999; Barcelona, 2001, Budapest e A Coruña; 2002). En 2005 impulsou o Manifesto ARCO 05, que demandaba das administracións públicas medidas prácticas para implantar a igualdade de oportunidades entre os sexos no campo da arte, e que inspirou o artigo 26 da Lei orgánica de 2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Entre 2007 e 2011, Arakistain dirixiu o Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, etapa na que o centro foi pioneiro no desenvolvemento e a aplicación de políticas de igualdade entre os sexos nos ámbitos da arte, o pensamento e a cultura contemporáneos. En 2008, preocupado polos obstáculos na transmisión do coñecemento feminista entre xeracións e pola escaseza de traducións de textos feministas, puxo en marcha, xunto a Lourdes Méndez, o curso anual interdisciplinar, internacional e interxeracional Producción artística y teoría feminista del arte. Nuevos debates, que na actualidade se realiza en Azkuna Zentroa, Bilbao. Arakistain tamén comisariou Why not Judy Chicago? (Azkuna Zentroa e CAPC Bordeaux, 2015), Guerrilla Girls 1985-2015 (Matadero, Madrid, 2015, Azkuna Zentroa, 2013 e BilbaoArte, 2002) ou Kiss Kiss Bang Bang, 86 pasos en 45 años de arte y feminismo (Museo de BBAA, Bilbao, 2007).


Patricia Mayayo é profesora titular de Historia da Arte na Universidade Autónoma de Madrid e, na actualidade, directora do Departamento de Historia e Teoría da Arte. A súa investigación versa sobre a historia das mulleres artistas, a historiografía feminista e queer e o estudo das prácticas artísticas contemporáneas. Nos últimos anos centrou a súa investigación no estudo da arte española e publicou recentemente, xunto a Jorge Luis Marzo, o libro Arte en España, 1939-2015. Ideas, prácticas, políticas (Madrid: Cátedra, 2015). É autora, entre outras publicacións, dos libros Frida Kahlo. Contra el mito (Madrid: Cátedra, 2008), Historias de mujeres, historias del arte (Madrid: Cátedra, 2003) e Louise Bourgeois (Hondarribia: Nerea, 2002). Comisariou, xunto a Juan Vicente Aliaga, a exposición Genealogías feministas en el arte español: 1960-2010 (León, MUSAC, xuño de 2012-xaneiro de 2013).


Helena Miguélez Carballeira é profesora titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos en Gales. É autora do libro Galiza, um povo sentimental? Género, cultura e política no imaginário nacional galego (Através, 2014) e editora do volume A Companion to Galician Culture (Tamesis, 2014). Na actualidade prepara o libro Contested colonialities in the Long Spanish Century: Empire, Nation and Independence (Palgrave MacMillan).


Anxela Caramés é licenciada en Historia da Arte (USC, 1999) e doutora en Belas Artes (UPV, 2016), cunha tese sobre as prácticas de comisariado feministas acontecidas no Estado español desde os noventa. Como investigadora en artes visuais e feminismos publicou artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións e tamén impartiu conferencias en universidades e museos. Forma parte do arquivo Contenedor de feminismos e de M-Artech, plataforma de mulleres, arte e tecnoloxía. Traballa como comisaria e crítica de arte. Desde o 2006 organizou  encontros de debate xunto con ciclos de vídeo, como Subxectividades críticas/Narrativas identitarias. Feminismos e creación contemporánea no Estado español, Contra vento e marea. Verbas e palabras dos feminismos, Muartech. Acciones híbridas desde el género y la tecnología e Suxeitos emerxentes. Sexualidades e feminismos contemporáneos.  Comisariou performances e intervencións artísticas na rúa ou exposicións como Desnudas, Ensamlandet (Terra de soidade), Elas Fan Tech, After Teresa de Villar. Seoanes posibles, Lost & Found. Arquivos (re)colectados, Olladas de muller sobre a guía postal de Lugo de Maruja Mallo e Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia.

As prácticas instituíntes

Marcelo Expósito (artista e ensaísta, Programa de Estudios Independientes do MACBA, Barcelona); Anxo Rabuñal (investigador e editor); Sandra Vieira Jürgens (Departamento de Historia da Arte, Universidade Nova de Lisboa). Modera: Miguel Anxo Rodríguez (Departamento de Historia da Arte, Universidade de Santiago de Compostela)

Viernes 24 de novembro, 18:50 horas.


Marcelo Expósito traballa, desde hai tres décadas, como artista, crítico, ensaísta, editor, tradutor e produtor cultural. Exerceu docencia e presentou o seu traballo en numerosas institucións académicas e autónomas de Europa e América Latina, como o Programa de Estudos Independentes (PEI) do MACBA, a Universitat Pompeu Fabra e a Escola Elisava en Barcelona; o Museo Universitario de Arte Contemporánea (MUAC) da UNAM en México; o Centro de Investigacións Artísticas (CIA) e as universidades de Buenos Aires e  La Plata na Arxentina. Colaborou tamén con redes de investigación militante europeas e latinoamericanas, como a Universidade Nómade, a Rede Conceptualismos do Sur e o European Institute for Progressive Cultural Policies (EIPCP). Escribiu ou editou, só ou en colaboración, libros sobre teoría crítica, activismo cultural e historia das vangardas, tales como Chris Marker. Retorno a la inmemoria del cineasta (2000), Historias sin argumento. El cine de Pere Portabella (2001), Modos de hacer. Arte crítico, esfera pública y acción directa (2001), Brumaria 5. Arte: la imaginación política radical (2005), Brumaria 7. Arte, máquinas, trabajo inmaterial (2006), Producción cultural y prácticas instituyentes (2008), Country Europa (2010), Los nuevos productivismos (2010), Walter Benjamin, productivista (2013), Desinventario. Esquirlas de Tucumán Arde en el archivo de Graciela Carnevale (2015) e Conversación con Manuel Borja Villel (2015). Durante vinte anos foi tamén activista en movementos sociais contra o neoliberalismo, tales como o movemento antiglobalización e a rede EuroMayDay contra a precariedade, e actualmente é deputado por Barcelona de En Comú Podem e secretario terceiro do Congreso dos Deputados.


Anxo Rabuñal é editor e comisario. Ten publicados libros e artigos sobre graffiti, música, xeografía, literatura, filosofía e arte. Dirixe a librería novaniké. arts & books, en Santiago de Compostela.


Sandra Vieira Jürgens é historiadora de arte, comisaria e investigadora de posdoutoramento, bolseira da Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT, Portugal) no Instituto de História da Arte (IHA-FCSH, Universidade Nova de Lisboa). Coordinadora da Pós-Graduação en Curadoria da Arte na Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. En 2015/16 integrou o Programa internacional de residencias de investigación do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, Madrid. Dirixe a revista en liña Wrong Wrong (www.wrongwrong.net) e a plataforma dixital  raum: residências artísticas online (http://www.raum.pt). En 2016, publicou o libro Instalações provisórias: independência, autonomia, alternativa e informalidade. Artistas e exposições em Portugal no século XX (Documenta/Sistema Solar). Vive e traballa en Lisboa.


Miguel Anxo Rodríguez é profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), está especializado en Arte Contemporánea e Teoría da Arte. O seu traballo de investigación encádrase na historia social da arte, con estudos sobre escultura contemporánea, políticas da representación, espazos de produción e políticas culturais. Publicou artigos en revistas especializadas das universidades de Granada, UNED, Autónoma de Madrid, Barcelona e Santiago de Compostela. É autor do libro ‘S-Hertogenbosch-Sargadelos: a creación en cerámica a través de dúas institucións (2000), coeditor de Espazos de creación contemporánea (2005) e de Canales alternativos de creación. Una aproximación histórica (2013). Foi coordinador entre 2007 e 2011 do mestrado propio Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, da USC.

Análise cultural e estudos visuais

Santiago Olmo (director do Centro Galego de Arte Contemporánea) e Mieke Bal (teórica da literatura, analista da arte e da cultura, Amsterdam School for Cultural Analysis, University of Amsterdam). Modera: Pedro de Llano (comisario, crítico e investigador, Universidade de Santiago de Compostela)

Sábado 25 de novembro, 12:20 horas.


Santiago Olmo é comisario de exposicións e crítico de arte. Formou parte do equipo de redacción da revista Artecontexto (Madrid) e foi responsable editorial de revista Lápiz entre 1999 e 2002. Comisario da representación española na XXIV Bienal de São Paulo en 1998, en 2010 dirixe a XXXI Bienal de Pontevedra, e en 2012 é comisario da Bienal Paiz de Guatemala. Entre 2004 e 2015, codirixe con Rafael Levenfeld o proxecto Tender Puentes, actualmente integrado no Museo da Universidade de Navarra (MUN) en Pamplona, que expón un diálogo entre a mirada fotográfica actual e a do século XIX. Tamén desenvolveu actividade docente, participando como profesor convidado no Mestrado de Arte Contemporánea da Universidade Europea de Madrid ou no Mestrado de Fotografía Creativa de EFTI. Actualmente é director do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) en Santiago de Compostela.


Mieke Bal é teórica cultural, crítica, artista de vídeo e comisaria ocasional. Traballa en cuestións de xénero, cultura migratoria, psicanálise e a crítica do capitalismo. Os seus 38 libros inclúen unha triloxía sobre arte política: Endless Andness (sobre abstracción), Thinking in Film (sobre videoinstalación), ambos os dous do 2013, Of What One Cannot Speak (sobre escultura, 2010). Entre as súas publicacións cabe destacar A Mieke Bal Reader (2006), Travelling Concepts in the Humanities (2002) e Narratology: Introduction to the Theory of Narrative (1997). En 2016 publicou In Medias Res: Inside Nalini Malani’s Shadow Plays (Hatje Cantz) e, en español, Tiempos trastornados, sobre las políticas de la visualidad (Akal, 2016). No CGAC presentará, entre novembro de 2017 e xaneiro de 2018, a videoinstalación Madame B, en colaboración coa artista Michelle Williams Gamaker, un proxecto exhibido en 2017 no Museo Aboa Vetus & Ars Nova en Turku, e combinado con pinturas de Munch no Museo Munch de Oslo. O seu filme máis recente é Reasonable Doubt, sobre René Descartes e a raíña Kristina (2016).

www.miekebal.org


Pedro de Llano é historiador da arte e comisario. Os seus textos publicáronse en revistas como Exit Express (Madrid), Carta (Madrid), Afterall Online (Londres), Springerin (Viena) ou Texte zur Kunst (Berlín) e periódicos como La Vanguardia (Barcelona). Escribiu sobre os artistas Mauro Cerqueira, John Knight, David Lamelas, Maria Nordman e Tino Sehgal, entre outros. Comisariou as exposicións In Search of the Miraculous: Thirty Years Later, sobre o proxecto póstumo do artista Bas Jan Ader, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela (2010), A balea negra (MARCO Vigo, 2012), Disparity and Demand (La Galerie, Noisy-le-Sec, 2014) e a primeira retrospectiva de Maria Thereza Alves no Centro Andaluz de Arte Contemporánea, en Sevilla, en 2015. Actualmente traballa como investigador de posdoutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde desenvolve distintos proxectos relacionados co ámbito da arte conceptual.

Discursos decoloniais

Julia Morandeira (comisaria e investigadora no CA2M, Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles); Olga Fernández (Departamento de Historia da Arte, Universidad Autónoma de Madrid); Carlos L. Bernárdez (investigador e escritor). Modera: Agar Ledo (responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo)

Sábado 25 de novembro, 18:50 horas.


Julia Morandeira Arrizabalaga é investigadora e comisaria. Dirixe a escuelita do Centro de Arte Dos de Mayo – CA2M, un organismo informal de investigación no seo da institución, e é mediadora no proxecto Novos Comanditarios da Fundación Nina e Daniel Carasso. É membro dos comités científicos de residencias de Matadero Madrid e Nuevo Currículo de Campo Adentro. Os seus últimos proxectos céntranse ao redor do caníbal e o canibalismo como un dispositivo da imaxinación política e relectura da historia atlántica colonial; a problematización das infraestruturas epistemolóxicas da modernidade a través do corpo, da nota ao pé de páxina e outros relatos menores; así como a institucionalidade e metodoloxías derivadas de economías afectivas.


Olga Fernández López é profesora no Departamento de Historia e Teoría da Arte na Universidade Autónoma de Madrid. Investiga sobre as especificidades do medio expositivo e as posibilidades críticas da práctica comisarial. Actualmente forma parte do proxecto I+D+i Modernidad(es) descentralizada(s). Arte, política e contracultura no eixe transatlántico durante a Guerra Fría e dos grupos de investigación consolidados Arte, cine y culturas audiovisuales del mundo contemporáneo e SUMA Universidad + Museo. Historia del Arte, educación y museos. Participou no proxecto europeo Museums and Libraries in/of the Age of Migrations. Publicou, entre outros artigos, La otra exposición de autor: del discurso al ensayo (Univ. das Américas Puebla, 2016), El Museo de la Calle. Art, Economy and the Paradoxes of Bartering (Taurus, 2016), The Uncertainty of Display. Exhibitions In-Between Ethnography and Modernism, Simetrías y leves anacronismos: especulando sobre el arte moderno en América Latina (Museo Raíña Sofía, 2013). Foi coordinadora do curso Colonialidade, comisariado e arte contemporánea na Universidade Internacional de Andalucía, 2012.


Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é historiador da arte e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Ensaísta de temas literarios e artísticos e comisario de exposicións, con especial dedicación ao estudo da vangarda histórica galega. Entre os seus libros máis recentes destacan: Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega (Nigra Trea, 2004), en colaboración con X. R. Mariño Ferro; Breve historia da arte galega (Nigra Trea, 2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (Nigra Trea, 2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (Nigra Trea, 2012) e Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016). Entre as súas publicacións tamén cómpre salientar as dedicadas a escritores como Lorenzo Varela, Manuel Antonio, Xosé María Álvarez Blázquez, Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste ou Ramón Cabanillas. Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento “Faro da cultura” do xornal Faro de Vigo.


Agar Ledo é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean a práctica artística. Cun Mestrado en Museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional transcorreu en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004/05), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas, é membro do Consello de Redacción da revista Grial e imparte docencia en distintos cursos de posgrao. É membro da IKT-International Association of Curators of Contemporary Art e investigadora no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, onde completa a súa tese de doutoramento.

Lourdes Méndez

Avances, retrocesos, retos: por unha antropoloxía feminista do campo da arte

Venres 24 de novembro, 09.30 horas.


Lourdes Méndez é catedrática de Antropoloxía Social da Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU). Entre os seus libros cabe sinalar: Cuerpos sexuados y ficciones identitarias. Ideologías sexuales, deconstrucciones feministas y artes visuales; Galicia en Europa. El lugar de las artes plásticas en la política cultural de la Xunta; Antropología feminista; Antropología del campo artístico. Del arte primitivo […] al contemporáneo. Tamén publicou numerosos artigos e capítulos en libros como “Administrando la desigualdad entre los sexos ¿Los estudios de género a la deriva?” ; “La subversión en imágenes: cuerpos, feminismos y obras visuales occidentales en la década de los noventa del siglo XX”; “ `Arte coño´ y otras representaciones del cuerpo sexuado: feminismo en el arte contemporáneo”; “Genealogías excluyentes”. Unha constante ao longo da súa traxectoria é o intento de aplicar, en cada unha das súas investigacións, os enfoques da antropoloxía feminista materialista.

Jesús Carrillo

Arquivo e militancia. Contradicursos e activación da memoria da disidencia

Venres 24 de novembro, 16:00 horas.


Jesús Carrillo é desde 1997 profesor no Departamento de Historia e Teoría da Arte na Universidade Autónoma de Madrid e titular desde 2007. Desde xullo de 2008 a xaneiro de 2015 dirixiu o Departamento de Programas Culturais do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. De xullo de 2015 a marzo de 2016 foi director xeral de Programas e Actividades Culturais do Concello de Madrid. Compaxina o estudo do imperio e as súas representacións na temperá Idade Moderna coa análise crítica da cultura e a arte contemporáneas. Entre os seus libros destacan Arte en la red (Madrid: Cátedra, 2004), Naturaleza e imperio (Madrid: 12 Calles, 2004) e Tecnología e imperio (Madrid: Nivola, 2003), Oviedo en las casas (Turnhaut: Brepols, 2000) e, como editor, Modos de hacer: arte crítico, esfera pública y acción directa (Salamanca: Ediciones de la Universidad de Salamanca, 2001), Tendencias del arte. Arte de tendencias (Madrid: Cátedra, 2003), Desacuerdos: sobre arte, políticas y esfera pública en el Estado español vols. 1, 2, 3, 4, 8 (Barcelona: Macba, 2004-2015), Douglas Crimp: Posiciones críticas (Madrid: Akal, 2005), Martha Rosler. Imágenes Públicas (Barcelona: Gustavo Gili, 2008).